AVISO: Os contidos desta páxina web están en proceso de actualización

Transparencia e rendición de contas

Comparecencia do Secretario Xeral de Cooperación na Comisión do Congreso

 

Render contas supón a obriga tanto de informar e xustificar coma de asegurar unha axuda de calidade, incluíndo a asunción das responsabilidades correspondentes. No caso dos distintos actores da cooperación para o desenvolvemento estas son: unha definición clara e apropiada da súa misión e os seus obxectivos; unha xestión ética, transparente e eficiente dos recursos á súa disposición; e a consecución de resultados de desenvolvemento como froito directo da súa actividade (produtos).

Gráfico sobre as medidas de fomento da transparencia na Cooperación Española: Seguimento MAPs, Función de Avaliación, Consolidación info@OD, Parlamento, IATI, Portal CE e outras iniciativas.

Na Cooperación Española, o proceso de seguimento dos Marcos de Asociación País (MAP) que se creou recentemente, ofrece unha oportunidade de avanzar na rendición de contas vinculada coa orientación cara a resultados.

Outro elemento clave da rendición de contas é a transparencia, entendida como o conxunto de procedementos que permiten a apertura e dispoñibilidade para toda a cidadanía de información actualizada e comparable internacionalmente sobre o desembolso da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), sobre os procesos asociados á toma de decisións e sobre os logros alcanzados.

Con relación á transparencia, a consolidación de Info@OD é un paso fundamental. Info@OD dispón dun módulo de recollida de datos de AOD a través do cal están a reportar a maioría dos actores da Cooperación española e un módulo de análise que permite realizar informes á carta de desembolsos e compromisos de AOD adaptados á realidade de cada axente.

Igualmente, España participa na iniciativa internacional pola transparencia IATI. É unha iniciativa voluntaria con múltiples actores implicados (países doadores, países socios, organizacións multilaterais, ONG) dirixida a subministrar información acerca das intervencións de cooperación de modo que esta sexa de máis doado acceso, comprensión e uso permitindo así que os involucrados (países doadores e socios) tomen decisións máis precisas e poidan establecer metas de progresos.

Ademais, a función de avaliación facilita a transparencia e contribúe á responsabilización a través da rendición de contas sobre os resultados das intervencións, pero para que isto sexa posible requírese que os plans de avaliación sexan públicos, que os equipos de avaliación sexan contratados sobre a base de criterios e procedementos claros previamente establecidos e, que os principais produtos das avaliacións resulten accesibles e sexan difundidos a todas as partes interesadas a través dos medios axeitados.

Impulsouse tamén a rendición de contas no Parlamento mediante as comparecencias periódicas do Secretario Xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento neste e a posta a disposición da cidadanía de xeito accesible e sinxela das iniciativas que se xeren neste ámbito e servir como un punto de acceso directo ás consultas que sobre cooperación se xeren tanto en relación ao Congreso dos Deputados, coma ao Senado respecto a: comparecencias, contestacións a preguntas parlamentarias, solicitudes de informes, debate das comisións...

A isto pódense engadir outras iniciativas como: a reforma da páxina web da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) que facilita a accesibilidade de publicacións da Cooperación Española, ademais de impulsar a publicidade de todas as convocatorias da Axencia, afondando na utilización de redes sociais para a difusión das súas actividades e para resposta de peticións dos cidadáns; a ferramenta de transparencia e Bo Goberno da Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento (CONGDE) que é unha iniciativa propia pioneira en Europa de autorregulación que se une a outros mecanismos de control, propios e alleos, como son o Código de Conduta e as auditorías externas ás que as ONGD se someten.

Por último, este Portal de Cooperación Española é un vehículo para favorecer esta transparencia (dispón de documentación sobre políticas de planificación, avaliación (ex: BBDD avaliacións, estratexias, etc.) e é unha canle de comunicación aberta cos axentes de cooperación e coa cidadanía en xeral.