AVISO: Os contidos desta páxina web están en proceso de actualización

Axenda internacional da Cooperación Española

Nai e fillo beneficiarios dun proxecto da Cooperación Española

 

Axenda de Desenvolvemento Post2015

Unha vez finalizado o período de vixencia da Declaración do Milenio e os ODM, a nova axenda universal de desenvolvemento e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) tomarán o relevo na nosa axenda de cooperación internacional para o desenvolvemento.

A axenda internacional de desenvolvemento, que estivo centrada na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio dende o ano 2000, afronta a partir deste ano o establecemento dunha nova axenda na que se estivo a traballar durante os últimos anos e que se concreta na aprobación final dos ODS cun período de vixencia de 2015-2030.

No plano internacional, a partir da publicación do Documento de proposta dos ODS, avalado pola Asemblea Xeral en setembro de 2014, e do Informe de Síntese do Secretario Xeral de Nacións Unidas, do mes de decembro de 2014, a Cooperación Española participará no calendario de negociacións ata o mes de xullo, que finalizará no Cumio para a adopción da Axenda Post2015 no mes de setembro.

A nivel nacional, para construír a Posición Española, seguiuse un proceso consultivo amplo iniciado en 2013 co encargo dun primeiro Informe académico. En setembro de 2013 realizouse a primeira Consulta Nacional. Un ano máis tarde consolidouse a proposta de posición española que foi traballada coa Administración Xeral do Estado, as Comunidades Autónomas e o Consello de Cooperación. Realizouse unha segunda Consulta Nacional en setembro de 2014 no Congreso dos Deputados.

Despois do proceso de consultas e xornadas de debate, a posición española quedou reflectida en dous documentos fundamentais:

A posición española está estruturada en dous bloques: Principios e obxectivos.

Os principios para a nova Axenda de Desenvolvemento Post2015 son os seguintes:

  • Recoñecemento dos ODM, dos seus principios, valores, e os logros conseguidos, incluíndo unha reflexión sobre os incumprimentos e as dimensións ausentes.
  • Axenda universal de desenvolvemento, de maneira que haxa uns obxectivos compartidos por todos e unhas metas diferenciadas para a realidade concreta dos países.
  • A axenda debe estar centrada nas persoas, cun fin de erradicación da pobreza e diminución da desigualdade, dende un enfoque de dereitos, de xénero e de sostibilidade do desenvolvemento.
  • Débese vincular a loita contra a pobreza e o desenvolvemento coa sostibilidade en todas as súas dimensións incluíndo os procesos que afectan ao futuro do planeta, como o cambio climático e a perda de biodiversidade. Debe ser unha axenda transformadora.
  • Os Países de Renda Media teñen que estar incluídos tanto polos seus problemas de desigualdade e sostibilidade, coma pola responsabilidade que deben asumir na provisión de Bens Públicos Globais.

Os doce obxectivos propostos son os seguintes:

  • Erradicación da pobreza e diminución da vulnerabilidade.
  • Diminución da desigualdade: un desenvolvemento con equidade.
  • Sostibilidade ambiental.
  • Goberno democrático e dereitos humanos. Paz e seguridade.
  • Igualdade de xénero e empoderamento das mulleres.
  • Seguridade alimentaria e nutrición.
  • Saúde: cobertura universal.
  • Educación de calidade para todos.
  • Dereito humano á auga e saneamento.
  • Crecemento económico inclusivo e sostible. Creación de emprego.
  • Enerxía sostible para todos.
  • Alianza global para a nova axenda de desenvolvemento.

Todo iso ilustra a posición española tanto para a negociación dos 17 ODS coma para os seis elementos esenciais propostos no Informe de Síntese do SGONU. E resúmese nas prioridades da posición española para toda a axenda que, independentemente do número de obxectivos ou da negociación dos principios, como tales prioridades, deben reflectirse en toda a Axenda de Desenvolvemento Post2015:

  • Erradicación da pobreza.
  • Diminución da desigualdade.
  • Sostibilidade en todas as súas dimensións.
  • Enfoque de Dereitos.
  • Enfoque de xénero.

 

Axenda de Financiamento do Desenvolvemento Post2015

Paralela á negociación dos obxectivos, dos 'fins' do desenvolvemento, estase a negociar a axenda dos 'medios':  aquilo que fai posible que se acaden os fins. É a axenda de Financiamento do Desenvolvemento, cuxo punto de partida é o Consenso de Monterrey (2002) e a súa posterior revisión na Declaración resultante da Conferencia de Financiamento do Desenvolvemento de Doha (2008).

A convocatoria da 3ª Conferencia de Financiamento do Desenvolvemento que se celebrará do 13-16 de xullo de 2015 en Addis Abeba é o fito principal nesta axenda de financiamento.

A nivel internacional e como documento de partida para a negociación presentouse en xullo de 2014 o Informe do Comité de Expertos para o Financiamento do Desenvolvemento Sostible.

Para a construción da posición española na axenda de financiamento, estanse a seguir os seguintes pasos:

  • Decembro de 2014 - Xaneiro de 2015: Constitución dun Grupo Académico para a presentación dun informe á Cooperación Española.
  • 25 de febreiro de 2015: Taller de traballo entre o Grupo Académico e a Administración Xeral do Estado -AGE- fundamentalmente con aqueles Ministerios con competencias na materia.
  • 9-10 de marzo de 2015: Xornadas de 'Fiscalidade e Equidade' en Antigua, Guatemala. Centrado nos programas de fiscalidade en Centroamérica, vincularase coa Axenda de Financiamento do Desenvolvemento Post2015 en relación á mobilización de recursos domésticos.
  • 25 de marzo de 2015, Xornada de debate sobre a posición española en Financiamento do Desenvolvemento en Salamanca con todos os actores de maneira que se canalice a súa participación na elaboración da posición española.

Neste calendario de traballo profundizarase nas liñas prioritarias da posición española:

  • Financiamento público nacional: fundamentalmente a parte de fiscalidade, na súa dobre vertente de ingresos e gastos, a través do fortalecemento das capacidades nacionais para o deseño e xestión dun sistema tributario axeitado.
  • Financiamento público internacional: é fundamental unha boa coordinación co debate que están a levar a cabo no CAD, no que España está a ser moi activa. Os novos acordos sobre a AOD e o apoio á nova medida TOSD (Total Official Support for Development), serán primordiais na axenda de financiamento do desenvolvemento. Ademais neste apartado estudaranse as posibilidades que brindan a medio e longo prazo os mecanismos de financiamento innovador, principalmente, a Taxa de Transaccións Financeiras.
  • Transparencia internacional, coordinación internacional en temas fiscais: inclúe a loita contra a evasión fiscal, o branqueo de diñeiro, accións contra os paraísos fiscais, etc. e a coordinación coas medidas concretas impulsadas polo G20. Estas medidas inclúen a redución de prácticas de prezos de transferencia das multinacionais e o fomento do intercambio automático de información fiscal.
  • Outras medidas nas que España terá unha posición no marco da posición común da Unión Europea serán: as políticas comerciais, o investimento estranxeiro directo, as remesas e a inclusión financeira e a xestión da débeda externa. Todo iso dende un enfoque de coherencia de políticas para o desenvolvemento.
  • Goberno do sistema financeiro internacional, a través da coordinación das IFIs co Sistema de Nacións Unidas e a Axenda internacional de desenvolvemento.

Á súa vez, a posición Europea irase construíndo ao longo do semestre. Traballarase sobre a Comunicación da Comisión sobre Financiamento do Desenvolvemento (publicado en febreiro de 2015) e a negociación das conclusións do Consello de FFD (Financiamento para o Desenvolvemento) para finais de maio de 2015.

O traballo continuo coa AGE e co Consello de cooperación permitirá facer un seguimento desta axenda de traballo e dos contidos da posición española.

 

Conferencia Internacional de Redución de Riscos de Desastres

Do 14 ao 18 de marzo a cidade xaponesa de Sendai acolleu a Terceira Conferencia Mundial de Nacións Unidas sobre Redución de Riscos de Desastres (RRD). Esta conferencia tiña como obxectivos a realización dun balance dos anos de aplicación do Marco de Acción de Hyogo, adoptado en 2005 no marco da Segunda Conferencia Mundial, e aprobar un novo marco de acción que definise os novos compromisos da comunidade internacional para o Post2015 en materia de RRD.

Os participantes na conferencia lograron acordar o documento Marco de Acción de Sendai para a RRD 2015-2030, xunto cunha Declaración Política e unha Resolución que saúda e promove compromisos voluntarios dos distintos actores para desenvolver o marco de acción.

Entre os numerosos temas que se trataron ao longo da Conferencia, en Diálogos Multiactores, eventos paralelos e varias presentacións, destacan por novidosos os seguintes:

  • O vínculo entre RRD e o Cambio Climático.
  • Os riscos vinculados á Saúde Global (epidemias).
  • A importancia de deseñar estratexias de resiliencia inclusivas que conten coa participación das comunidades locais.
  • O papel do sector seguros na RRD.
  • O programa de Escolas Seguras.
  • O turismo resiliente.
  • As novas ameazas tecnolóxicas.
  • A recolocación de poboacións post-desastre.

Algúns destes temas, como a importancia da loita contra o cambio climático para previr riscos de desastres, a necesaria implicación do sector privado nas políticas de RRD e a participación das poboacións afectadas na toma de decisións, destacando o protagonismo das mulleres, víronse reflectidos no marco de Acción aprobado.

A Delegación Española, encabezada polo Ministerio do Interior, e con participantes da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias e a Secretaria Xeral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, fixo unha declaración política no Plenario, e participou activamente en dúas Mesas Ministeriais, as de “Goberno do risco de desastre” e “Cooperación Internacional en apoio dun marco de acción Post2015”, e en dous Diálogos Multiactores, ademais de seguir as evolucións da negociación sobre o texto final no Comité Principal.

 

Conferencia de Beijing +20 e CSW (Comité do Estatuto da Muller)

O pasado marzo, entre os días 9 e 20, celebrouse en Nova York a 59ª sesión da Comisión para a Condición Xurídica e Social da Muller (CSW) cuxo obxectivo principal foi a revisión e avaliación da Declaración de Beijing e a Plataforma de Acción 20 anos despois da súa adopción en 1995 durante a IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing: Igualdade, desenvolvemento e paz, como encontro histórico máis importante para avanzar cara á igualdade de xénero.

España, pioneira na loita pola mellora das condicións das mulleres e a infancia, enviou unha delegación encabezada pola Secretaria de Estado do Ministerio de Sanidade, que estivo acompañada pola Directora para a Igualdade de Oportunidades e do Instituto da Muller, así como pola Directora de cooperación multilateral e horizontal e especialistas de Xénero da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e da Secretaría Xeneral de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

A intervención española na apertura da 59ª sesión, titulada 'Progresando na igualdade de xénero e empoderamento das mulleres e nenas: por unha Axenda Post2015 transformativa', subliñou a dificultade que supón este progreso e a necesidade de incluír indicadores que axuden a medir este resultado.

España reafirmou o seu compromiso en materia de xénero a través dos obxectivos propostos no Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2014-2016, instrumento que persegue eliminar a discriminación por razón de sexo e acadar a igualdade entre homes e mulleres.

Ademais da participación en reunións bilaterais e outras mesas redondas, a delegación española organizou un evento paralelo na sede de Nacións Unidas baixo o título 'De Beijing ao Post2015'.

Finalmente, durante a sesión aprobáronse os seguintes documentos:

  • Declaración Política;
  • Resolución sobre métodos de traballo da CSW;
  • Revisión da Declaración e Plataforma de Beijing.

 

COP 21: Cumio do Clima de París

A negociación internacional sobre cambio climático en Nacións Unidas atópase nun momento histórico. En decembro de 2015, o Cumio do Clima de París deberá acordar un novo tratado internacional, xuridicamente vinculante, que estableza o marco global de loita contra o cambio climático a partir de 2020. Este será aplicable a todos os países, polo que é urxente mobilizar posicións a todos os niveis e acelerar a negociación no ámbito da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC).

A última Conferencia sobre Cambio Climático (COP20) celebrada en Lima estableceu o calendario de traballo ata decembro de 2015 coa adopción do “Chamamento de Lima sobre Acción Climática”. Este documento determina que todos os países deberán presentar os seus obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro con suficiente antelación ao Cumio de París, dun xeito que sexa posible cuantificar as contribucións ao Acordo. Para avaliar se as achegas dos países son xustas e ambiciosas, e se son suficientes para manter o incremento da temperatura media global por debaixo dos 2 graos centígrados, o Secretariado da CMNUCC publicounos na súa páxina web e preparou un informe de síntese.

En Lima tamén se traballou na identificación dun documento no que se resumen os elementos que os países queren ver reflectidos no Acordo de París. Tras a primeira sesión de negociación deste ano en Xenebra, este texto transformouse no texto oficial de negociación sobre o que se deberá traballar nos próximos meses. Ademais, cabe destacar o recoñecemento da Conferencia das Partes da CMNUCC ao anuncio dun total de 10.200 millóns de dólares ao Fondo Verde para o Clima para os próximos catro anos. España comprometeu 149 millóns de dólares.

Os retos aos que se van enfrontar os países de aquí a París resúmense nos seguintes puntos:

  • A transición cara a un texto de negociación claro e conciso que identifique opcións para a discusión por parte dos ministros - A forma legal do novo acordo.
  • O tratamento da adaptación e o financiamento, nun contexto no que os países en desenvolvemento busquen un equilibrio coa mitigación.
  • O paquete financeiro co que apoiar as accións de mitigación e adaptación ao cambio climático nos países en desenvolvemento máis vulnerables.
  • O deseño dun acordo que sexa flexible, duradeiro e suficiente como para manter o incremento da temperatura media global por debaixo dos 2 graos centígrados.
  • O recoñecemento das diferentes capacidades  e responsabilidades dos países nun contexto en constante evolución.
  • O financiamento: aclarar como financiar a mitigación e a adaptación, o que complica un acordo sobre a porcentaxe de carga que cada país debe asumir para reducir emisións.

A Oficina Española para o Cambio Climático coordinará a posición española, na que a Cooperación Española terá un papel activo.